Torneo benéfico pola ELA

Artigos Eventos Asociación

Este fin de semana, o Estadio da Moreira en Xinzo de Limia foi escenario dun evento moi especial: un torneo benéfico organizado polo Antela Futbol Club co obxectivo de concienciar sobre a ELA (Esclerose Lateral Amiotrófica) e recadar fondos para apoiar á Asociación Galega de ELA (AgaELA).

Este torneo non só reuniu aos equipos do Antela FC, Loñoá CF e Vidago FC nun espírito de competición saudable, senón que tamén serviu para render homenaxe a todas as persoas afectadas pola ELA, en especial a Ramón Tombo, ex xogador do Antela FC. Ramón foi recibido no campo entre aplausos e vítores e tivo a honra de dar o saque de honor, un momento cheo de emoción que amosou o cariño e o respecto da comunidade deportiva cara a esta causa.

A ELA é unha enfermidade neurodexenerativa que afecta a miles de persoas en todo o mundo, e a sensibilización é fundamental para mellorar a calidade de vida dos pacientes e as súas familias. Grazas á xenerosidade e compromiso do Antela FC, así como á colaboración do Loñoá CF e o Vidago FC, todo o recadado neste torneo será doado íntegramente a AgaELA, que destinaremos estes fondos ao noso copago de rehabilitación.

Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todos os equipos, organizadores, voluntarios e especialmente a todas as persoas que acudiron ao Estadio da Moreira para apoiar esta causa tan importante. A vosa participación e solidariedade son unha luz de esperanza para todas as persoas afectadas pola ELA.

Seguimos loitando e traballando xuntos para construir unha comunidade máis forte e comprometida. 

Colaboradores