O banco de produtos de apoio: unha ferramenta clave para mellorar a calidade de vida na ELA.

Artigos Asociación

En AGAELA traballamos cun obxectivo claro: mellorar a calidade de vida das persoas afectadas pola Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e das súas familias, ofrecendo recursos e servizos que dean resposta ás súas necesidades reais en cada etapa da enfermidade.

Un dos piares fundamentais da nosa intervención é o Banco de Produtos de Apoio, un servizo que permite o préstamo de material especializado. A través deste recurso, facilitamos o acceso a dispositivos esenciais que favorecen a autonomía persoal, a seguridade e o benestar, evitando ademais o impacto económico que suporía a súa adquisición inmediata.

Un recurso que marca a diferenza

A progresión da ELA implica cambios constantes nas capacidades funcionais da persoa, polo que contar co produto de apoio axeitado no momento preciso resulta fundamental. O noso banco permite dar unha resposta áxil e adaptada, garantindo que cada persoa dispoña do material que precisa cando o precisa.

Adolfo e Belén comparten a súa experiencia co préstamo dunha cadeira de rodas eléctrica, un apoio que supuxo un cambio significativo no seu día a día. Grazas a este recurso, poideron recuperar autonomía nos desprazamentos, gañar independencia e afrontar a súa rutina con maior tranquilidade.

Compromiso co acompañamento integral

O Banco de produtos de apoio non é só un servizo de préstamo de material senon que forma parte dun modelo de atención integral que pon no centro ás persoas e ás súas familias, ofrecendo acompañamento, asesoramento profesional e unha resposta personalizada en cada situación.

En AGAELA seguimos comprometidos co apoio continuo ás persoas que conviven coa ELA, traballando para que conten cos recursos necesarios que lles permitan manter a mellor calidade de vida posible.

Colaboradores