AgaELA e o Concello de Culleredo impulsan o banco solidario de produtos de apoio

Artigos Asociación

Vimos de consolidar e reforzar, xunto co Concello de Culleredo, o noso Banco Solidario de Produtos de Apoio, unha iniciativa de carácter social que presta de maneira totalmente gratuíta material ortoprotésico e axudas técnicas a persoas con ELA, persoas en situación de dependencia e ás súas familias, contribuíndo de forma directa á mellora da súa autonomía persoal, do coidado no fogar e da calidade de vida.

Este servizo permite o acceso a produtos fundamentais para o día a día, como camas articuladas, grúas de traslado, cadeiras de ducha, colchóns e coxíns antiescaras, adaptacións de baño e outros elementos de apoio imprescindibles en situacións de dependencia. Na actualidade, o Banco Solidario dispón de máis de 600 produtos de apoio, o que o converte nun recurso clave a nivel local e autonómico.

Dende a súa posta en marcha, o Banco Solidario ten dado resposta ás necesidades de máis de 500 familias, ofrecendo unha alternativa á adquisición destes produtos, que adoitan supoñer un elevado custo económico. A través dun sistema de préstamo gratuíto, o servizo garante a igualdade de acceso aos recursos, especialmente en momentos de especial vulnerabilidade.

Poden beneficiarse deste servizo:

  • As persoas socias de AGAELA en toda Galicia.
  • As persoas dependentes usuarias dos servizos sociais do Concello de Culleredo.
  • Os membros da Federación ALCER Galicia, froito da colaboración entre entidades do ámbito sociosanitario.

Un dos piares fundamentais do Banco Solidario é o seu compromiso coa economía circular, a sustentabilidade e a solidariedade comunitaria. O servizo aliméntase das doazóns de material ortoprotésico en desuso, procedentes tanto de institucións públicas e privadas como da propia cidadanía, ás que se anima a participar activamente para darlles unha segunda vida a produtos que poden resultar esenciais para outras persoas. Ademais, grazas a diferentes subvencións, tamén se adquire material novo, garantindo así que o Banco Solidario dispoña sempre de produtos en bo estado e adaptados ás necesidades actuais das persoas usuarias.

Esta iniciativa está avalada por un convenio de colaboración entre AGAELA e o Concello de Culleredo vixente dende hai 6 anos, que reflicte o compromiso compartido de ambas entidades por reforzar os recursos sociais, promover a autonomía persoal e mellorar a atención ás persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas e outras situacións de dependencia.

Durante o ano 2025, o Banco Solidario realizou 313 préstamos, dos cales 60, o que supón o 20 %, foron destinados a persoas usuarias dos servizos sociais municipais de Culleredo en situación de dependencia, evidenciando o impacto directo e positivo deste recurso no ámbito local.

Dende AGAELA e o Concello de Culleredo facemos un chamamento á cidadanía para doar material ortoprotésico que xa non utilicen, contribuíndo así a manter e ampliar este Banco Solidario, así como para dar a coñecer este servizo entre as persoas que poidan necesitar apoio.

As persoas interesadas en doar ou solicitar produtos de apoio poden poñerse en contacto con nós a través dos teléfonos 660 532 298 | 981 798 094 , do correo electrónico info@agaela.es ou dende a nosa páxina web no apartado Banco de produtos de apoio.


 

Colaboradores