Programa de información, apoio e asesoramento a persoas con ELA de Pontevedra 2025

Artigos Asociación

A Deputación de Pontevedra concede unha subvención a AGAELA para reforzar a atención ás persoas con ELA

Dende AGAELA queremos compartir unha boa nova que nos permite seguir avanzando no noso compromiso coas persoas afectadas pola Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e as súas familias.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acordou conceder á Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) unha subvención por importe de 5.541,81€ para o desenvolvemento do Programa de información, apoio e asesoramento a persoas con ELA, no marco das subvencións dirixidas a entidades sen fins de lucro para actuacións no ámbito social durante o ano 2025.

Este programa ten como obxectivo ofrecer información clara e actualizada sobre a enfermidade, acompañamento ás persoas diagnosticadas e ás súas familias, así como asesoramento social e orientación nos recursos dispoñibles. Un apoio fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas con ELA na provincia de Pontevedra e para facer fronte ás dificultades que xorden ao longo da enfermidade.

A concesión desta axuda supón un importante respaldo institucional ao labor que AGAELA vén desenvolvendo dende hai anos, e permítenos seguir traballando para garantir unha atención máis próxima, humana e especializada.

Queremos expresar o noso agradecemento á Deputación de Pontevedra polo seu apoio e pola confianza depositada no noso traballo. Este tipo de colaboracións son clave para continuar construíndo unha rede de apoio sólida para as persoas con ELA e as súas familias.

Seguimos adiante, con máis recursos e a mesma ilusión, ao lado das persoas que conviven coa ELA cada día.

Colaboradores