Nova alianza co Grupo Davila e TERMAVI

Artigos Asociación

En AGAELA cremos firmemente que só a través da colaboración podemos avanzar no acompañamento e coidado das persoas afectadas por ELA e das súas familias. Por iso, é unha enorme satisfacción anunciar a sinatura dun convenio de colaboración co Grupo Davila, a través da súa empresa terminalista TERMAVI, unha alianza que reforza o compromiso social co que traballamos día a día.

Un apoio que vai máis alá do económico
Este novo acordo non só supón un impulso fundamental ao noso traballo a través do financiamento dun programa de apoio psicolóxico integral, senón que tamén abre unha vía de participación activa a través do voluntariado corporativo.

O compromiso das empresas que cren no valor social é clave para dar resposta ás necesidades reais das persoas con ELA. Grazas a este convenio, poderemos ofrecer novos recursos emocionais e terapéuticos, tan necesarios tanto para os afectados como para os seus coidadores, contribuíndo a mellorar a súa calidade de vida nun contexto especialmente complexo.

Un paso máis no compromiso social empresarial
Desde o Grupo Davila manifestaron con claridade a súa vontade de ser parte activa do tecido social, apoiando causas que, como a nosa, teñen un impacto directo nas persoas que máis o necesitan. Así o expresaron na súa comunicación oficial:

“Cremos firmemente que as empresas deben formar parte activa do tecido social, e este tipo de alianzas permítennos sumar esforzos e achegar valor alí onde máis se precisa. Grazas, AGAELA, por ensinarnos cada día o que significa a loita, a empatía e a resiliencia.”


Estas palabras, que recibimos con fonda gratitude, confirman que a unión entre entidades sociais e o tecido empresarial pode xerar un impacto transformador cando se fai con propósito e compromiso real.

Grazas por sumar á causa da ELA
Dende AGAELA queremos agradecer a confianza depositada por Grupo Davila e TERMAVI. Sabemos que o camiño non é doado, pero contar con aliados así dálle forza, sentido e continuidade á nosa misión.

Seguimos traballando, máis acompañados, máis fortes, e coa certeza de que xuntos chegamos máis lonxe.

Grazas por crer na nosa labor. Grazas por camiñar ó noso carón.

Colaboradores