O luns 8 de setembro, membros de AgaELA desprazámonos ata Palas de Rei para render unha sentida homenaxe a Rosa, afectada de ELA moi querida pola nosa asociación. Rosa foi, e segue a ser, un exemplo de forza, sorriso e esperanza para todas as persoas que formamos parte desta gran familia.

A homenaxe celebrouse no marco do CompostELA, a iniciativa que estes días reúne a máis de 80 persoas que percorren o Camiño de Santiago para dar visibilidade á ELA. Moitos dos participantes que camiñan nesta edición foron compañeiros de Rosa en anos anteriores, cando ela mesma se animou a vivir esta experiencia. Por iso, este reencontro tivo unha carga especial: cada paso que deron e cada palabra pronunciada mantivo a Rosa moi presente.
O acto contou coa presenza do tenente alcalde de Palas de Rei, Fernando Pensado, que asistiu en representación do goberno local, amosando o seu apoio e solidariedade coa causa. Tamén nos acompañou a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, representada por Ángel Trabada, quen puxo en valor o vínculo entre o Camiño e as iniciativas solidarias como o CompostELA.
Xunto a eles, achegáronse familiares, veciños e amizades de Rosa que quixeron compartir este momento tan especial. Entre todos creamos un espazo de lembranza, recoñecemento e cariño no que se fixo evidente que Rosa continúa a camiñar ao noso carón, inspirando co seu recordo cada acción que realizamos.
Foi unha xornada de profunda emoción, na que se mesturaron bágoas e sorrisos. Un encontro que nos lembrou que, malia a dureza da ELA, a unión e o compromiso das persoas poden transformarse nunha forza imparable. Rosa deixou pegada no Camiño, na nosa asociación e en todos os que a coñeceron. E esa pegada seguirá guiándonos sempre.




























