Hoxe, luns 14 de xullo de 2025, a Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas económicas dirixidas a persoas con esclerose lateral amiotrófica (ELA) ou os seus fenotipos, cunha contía de 12.000 euros ao ano por persoa beneficiaria.

Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Política Social e Igualdade, ten como obxectivo apoiar as necesidades derivadas da evolución desta enfermidade neurodexenerativa, así como reforzar os recursos de apoio existentes.
Quen pode solicitar a axuda?
Poderán beneficiarse persoas maiores de 18 anos que:
- Estean empadroadas en Galicia con, polo menos, 6 meses de antigüidade.
- Teñan diagnóstico de ELA ou dos seus fenotipos.
- Teñan recoñecida a situación de dependencia ou a teñan solicitada previamente.
Que gastos se subvencionan?
A axuda abrangue:
- Produtos de apoio (mobilidade, aseo, comunicación, lecer, etc.).
- Adaptacións na vivenda ou contorna.
- Adquisición ou adaptación de vehículo.
- Servizos profesionais privados (fisioterapia, logopedia, asistencia persoal…).
- Transporte para acceder a eses servizos.
Importe da axuda:
Ata o 100 % do custo dos gastos subvencionables, cun límite máximo de 12.000 € por persoa.
Prazo de solicitude:
Desde o 15 de xullo de 2025 ata o 3 de novembro de 2025.
Como presentar a solicitude?
Preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, tamén se pode presentar de maneira presencial.
Dende AgaELA celebramos esta medida, que supón un importante apoio ás persoas con ELA e ás súas familias. Podes consultar a orde completa e todos os detalles no DOG de hoxe ou contactar coa nosa asociación para máis información e apoio no proceso de solicitude (info@agaela.es | 660 53 22 98)




























