Dende AGAELA queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a Bodegas Martín Códax e ao ciclo “Os Xoves de Códax” por brindarnos unha noite inesquecible de música, emoción e solidariedade.

“Os Xoves de Códax” consolídase como un proxecto cultural exemplar, que combina calidade artística con compromiso social. Nas súas once edicións, leva recadado máis de 270.000 euros para entidades sen ánimo de lucro, demostrando que a cultura pode transformar realidades.
A sesión flamenca celebrada onte na terraza das Bodegas foi un auténtico espectáculo cheo de arte e sentimento, cun cartel excepcional encabezado por Israel Fernández, Diego del Morao e o galego Moisés Fernández. A súa actuación, xunto á doutros grandes artistas como Israel Suárez “El Piraña”, Delia Membrive, Isaac De Los Reyes, Juan José Suárez “El Paquete”, Rubén Fernández e José Suárez, encheu o Salnés de forza, autenticidade e compromiso.
A recadación íntegra do concerto será destinada a AGAELA. Este apoio permítenos seguir avanzando na nosa misión: mellorar a calidade de vida das persoas con ELA en Galicia, unha enfermidade neurodexenerativa grave, irreversible e sen cura.
Dende 2009 traballamos para acompañar ás persoas afectadas e ás súas familias a través de atención psicolóxica, asesoramento legal e social, cesión de material ortoprotésico, apoio emocional e campañas de sensibilización e visibilidade. Grazas a iniciativas como esta, podemos chegar a máis persoas e reforzar servizos fundamentais.

Grazas de corazón a Bodegas Martín Códax, aos artistas e a todo o público por sumar esforzos e poñer a vosa enerxía ao servizo dunha causa tan necesaria como a nosa.




























