Hoxe, 28 de xuño, AgaELA viviu un dos momentos máis emocionantes e significativos da súa traxectoria. A nosa asociación recibiu a Medalla Castelao,unha das más altas distincións que outorga a Xunta de Galicia, polo compromiso e traballo sostido en defensa das persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e das súas familias.
Un escenario cargado de simbolismo
O acto de entrega tivo lugar na Igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, un espazo profundamente vinculado á memoria e á identidade galega. Rodeados por osarreiros ilustres e pola historia viva de Galicia, o ambiente foi solemne, emotivo e profundamente simbólico.
Recibir a Medalla Castelao neste lugar tan especial foi para AGAELA moito máis ca unha cerimonia oficial: foi unha forma de poñer voz a quen xa non pode falar, de dar visibilidade a unha enfermidade que moitas veces queda no silencio, e de recoñecer o esforzo colectivo dunha comunidade que non se rende.
Un recoñecemento que compartimos convosco
Na recollida da medalla, AGAELA estivo representada pola nosa vicepresideneta Susi Seoane, acompañada polo resto de membros da xunta directiva, entre os que se atopa Manuel, que fixeron visible o rostro humano da ELA. Ao recibir o galardón, sentimos que cada mirada, cada aperta e cada palabra que resoou no acto ía dirixida a todas as persoas que camiñan con nós: ás que loitan coa enfermidade, ás que coidan en silencio, ás que xa non están pero seguen vivas no recordo, ás que dedican o seu tempo, profesionalidade e corazón a mellorar vidas.
Grazas á Xunta de Galicia
Queremos expresar o noso profundo agradecemento, unha vez máis, á Xunta de Galicia por outorgarnos esta medalla. É un xesto que dignifica a nosa causa e que axuda a facer visible unha realidade á que, por moito tempo, se lle deu as costas.
Recoñecer a ELA e recoñecer o labor dunha asociación como AGAELA é dicir en voz alta que as persoas con ELA importan, que as súas vidas teñen valor e que non están soas.
Comprometidos a seguir
Esta medalla é unha responsabilidade que asumimos con orgullo. É un impulso para seguir traballando día a día, escoitando, acompañando, loitando e soñando con un futuro onde a ELA non sexa unha sentenza, senón unha loita compartida con recursos, coidado e esperanza.
Desde Bonaval, onde repousa parte da alma de Galicia, levamos con nós a forza de todos vós.
Esta medalla é vosa.
E a nosa promesa é clara: seguimos loitando, sempre.




























