Agaela asina un convenio de colaboración coa UDC Saudable e participa no programa Enworking

Asociación

Agaela ven de asinar un convenio de colaboración coa UDC Saudable e, enmarcado neste convenio, levouse a cabo a súa primeira acción, participar na tarde de onte no programa de radio "Enworking".

O programa, que se emitiu en directo polo 103.4 FM de A Coruña de CUAC FM, foi un encontro entre profesionais, familiares e socias para compatir a labor, experiencias e reivindicacións actuais da comunidade de persoas con ELA.

Dende o inicio, o programa "Enworking" converteuse nun espazo de reflexión e concienciación sobre a realidade das persoas que viven con ELA. A organización Agaela, representada por membros de equipo técnico e directivo, compartiu historias conmovedoras de persoas que loitaron e loitan contra esta enfermidade.

Durante a transmisión en directo, abordáronse temas como o impacto da ELA na vida cotiá, as barreiras ás que se enfrontan as persoas afectadas e as súas familias, así como as necesidades médicas e sociais que requiren atención urxente. Agaela, a través da súa labor, está a traballar na concienciación pública e na promoción da investigación para atopar tratamentos eficaces.

[De esquerda a dereita: Cristina Martínez (terapeuta ocupacional de Agaela), Jessica Garabal (coordinadora de Agaela), Marta Gómez (directora Enworking) e Dámaris Domínguez (secretaria de Agaela), vía telefónica estaba Susi Seoane (usuaria de Agaela)].

Unha vez concluída a transmisión en directo, as persoas escoitantes interesadas poden acceder aos podcast dos programas emitidos, o que permite que aquelas persoas que se perderon o programa o poidan escoitar.

Da man da UDC Saudable poñeremos en marcha iniciativas de docencia, investigacion, asesoramento mutuo e divulgación da Esclerose Lateral Amiotrófica, co fin de achegar á poboación universitaria, e á cidadanía xeral, as necesidades e desafíos da comunidade da ELA. 

Colaboradores