A Xunta de Galicia renova o seu compromiso con Agaela para impulsar o proxecto VivELA Digna

Artigos Asociación

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asinou un novo convenio con Agaela dotado con 100.000 euros para apoiar o proxecto VivELA Digna, unha iniciativa que permitirá ofrecer atención especializada a pacientes con ELA no seu domicilio en toda Galicia.

 

Grazas a este acordo, crearánse equipos itinerantes formados por un/unha psicólogo/a, un/unha terapeuta ocupacional e un/unha fisioterapeuta que visitarán mensualmente ás persoas afectadas para prestar seguimento, asesoramento e formación tanto ás persoas con ELA como ás súas familias e coidadores. Entre as áreas de apoio inclúense técnicas de mobilización, hixiene postural, apoio emocional e información sobre recursos sociais e sanitarios, adaptándose ás necesidades de cada caso.

Durante a sinatura, a conselleira destacou a entrega próxima da Medalla Castelao a Agaela, un recoñecemento “moi merecido” pola súa labor desde 2009 para visibilizar a ELA e mellorar a calidade de vida dos afectados.

Ademais, Fabiola García lembrou que a Xunta tramita unha nova convocatoria de axudas económicas anuais de 12.000 euros para persoas diagnosticadas con ELA, a terceira desde que Galicia se converteu en pioneira con esta medida de apoio directo ás familias. Tamén destacou o proceso asistencial integrado que axiliza tanto o diagnóstico como o acceso a servizos sociais para os afectados.

Por último, fixo un chamamento ao Goberno central para que financie a Lei ELA, vixente desde novembro de 2024, co fin de reforzar aínda máis o apoio a esta comunidade.

Con VivELA Digna, Galicia dá un paso máis para garantir unha atención digna, especializada e próxima ás persoas que viven con ELA, acompañándoas ao longo de todo o proceso.

 

Colaboradores