Respiro Familiar - Convocatoria 2025

Artigos

Hoxe, 21 de maio, abreu o prazo para solicitar as axudas do programa Respiro Familiar que se poderán presentar ata o 15 de outubro. Esta convocatoria sufragará gastos por servizos que se presten entre o 1 de xaneiro e o 21 de novembro deste ano. O orzamento total da iniciativa, ao igual que o ano pasado, é de 1.115.000,00 € euros.

As solicitudes poderán presentarse preferentemente na sede electrónica, aínda que tamén se poderán presentar fisicamente a través dos rexistros e puntos administrativos autorizados.

O programa pretende facilitar un descanso aos coidadores e coidadoras de persoas dependentes ou con necesidade de coidados diarios que residen en Galicia, financiando a estancia temporal dos atendidos en centros de coidados (residencias ou centros de día) ou o pago dun servizo de atención a domicilio.

  • Na modalidade de respiro no fogar, a axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a domicilio. A cuantía pode acadar ata o 100% do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1000€ por persoa beneficiaria/ano.
  • Na modalidade de respiro en centro de día, a axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención no centro de día. A cuantía pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000€ euros por persoa beneficiaria/ano.
  • Na modalidade de respiro en residencia consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do centro residencial ante una necesidade puntual. A cuantía pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.500€ por persoa beneficiaria/ano.

Requisitos para acceder á subvención


Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

1. Que a persoa coidadora solicitante da subvención ou a persoa ou persoas que ela atenda sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Que a persoa que se atende se encontre nalgunha das seguintes situacións:

  1.  Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.
  2. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.
  3. Que a persoa que se atende, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Ademais, as persoas coidadoras, teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Colaboradores