Dende AGAELA temos o pracer de anunciar que a IV Cea Solidaria S2M e Amigos celebrará unha nova edición coa solidariedade como protagonista e cun obxectivo moi especial: destinar integramente a súa recadación á nosa asociación.
Este evento converterase nun punto de encontro para persoas, entidades e empresas comprometidas coa mellora da calidade de vida das persoas afectadas pola Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e das súas familias. Unha oportunidade para compartir, crear comunidade e seguir impulsando proxectos e servizos fundamentais para quen convive coa enfermidade.
Queremos agradecer profundamente ao equipo de Acción Solidaria S2M e Amigos a súa confianza en AGAELA e o seu compromiso coa nosa causa. Grazas a iniciativas como esta podemos seguir desenvolvendo programas de atención social, fisioterapia, terapia ocupacional, apoio psicolóxico, préstamo de produtos de apoio e acompañamento ás familias en toda Galicia.

Como participar?
As persoas interesadas en asistir xa poden formalizar a súa inscrición a través do seguinte formulario:
Inscrición IV Cea Benéfica S2M e Amigos
As prazas son limitadas, polo que recomendamos realizar a reserva coa maior antelación posible.
Información importante sobre as mesas
No caso de que varias persoas desexen asistir xuntas e compartir mesa, deberán indicar no formulario de inscrición o nome e apelidos das persoas coas que queren sentar. Deste xeito, a organización poderá telo en conta na distribución dos asistentes.
Un evento que suma solidariedade
Cada inscrición, cada colaboración e cada mostra de apoio contribúe a que AGAELA poida continuar ofrecendo recursos, atención especializada e acompañamento ás persoas que conviven cada día con esta enfermidade.
Animámosvos a participar nesta iniciativa e a compartir a información entre familiares, amizades, entidades e persoas que desexen apoiar a nosa misión.
Entre todas e todos seguimos construíndo unha sociedade máis solidaria, inclusiva e comprometida coa ELA.
Grazas por camiñar ó noso carón.




























