Gala solidaria pola ELA en Melide

Artigos Eventos Asociación

O pasado domingo vivimos en Melide unha xornada inesquecible marcada pola solidariedade, a emoción e o compromiso coas persoas que conviven coa ELA e coas súas familias.

Grazas á incrible iniciativa e implicación de Ana Mosteiro, Vanesa Martínez, Soqui Cea e Dolores Rodríguez, conseguiuse recaudar máis de 5.050€ a favor de AGAELA, unha achega que xa foi entregada á nosa asociación e que nos permitirá seguir desenvolvendo a nosa labor de apoio, acompañamento e asesoramento ás persoas afectadas pola ELA en Galicia.

*Fotografía de Turismo Melide

A gala solidaria, celebrada no centro sociocultural Mingos de Pita, converteuse nun verdadeiro exemplo de unión e compromiso social. A veciñanza respondeu cunha enorme participación, demostrando unha vez máis que a solidariedade é capaz de mover montañas.

Queremos agradecer de corazón a todas as persoas que asistiron, colaboraron e fixeron posible esta iniciativa, así como aos grupos que encheron a tarde de música, tradición e emoción: Froito Novo, Cantareiras de Herba Grileira, Pozo Pequeño, Gaiteiros do Balado de Toques, Nós ó Noso e Os da Taberna.

O noso agradecemento esténdese tamén aos comercios locais e a toda a comunidade de Melide, que se volcou completamente con esta causa e contribuíu a facer desta gala un éxito tan especial.

Cada colaboración, cada aplauso e cada xesto de apoio axúdannos a seguir acompañando ás persoas con ELA e ás súas familias nun camiño cheo de retos, pero tamén de esperanza.

Días coma este lembran que, cando unha comunidade se une por unha causa, o impacto vai moito máis alá do económico: constrúese apoio, visibilidade e humanidade.

Grazas por camiñar ao noso carón.

Colaboradores