Gala benéfica Bueu pola ELA

Artigos Eventos Asociación

Bueu únese pola ELA: unha gala solidaria que suma cultura, solidaridade e esperanza. 

 

O vindeiro 24 de xaneiro de 2026 ás 18:30 horas, o Centro Social do Mar de Bueu converterase no escenario dun evento moi especial: a Gala Benéfica Bueu pola ELA, unha cita solidaria que nace co obxectivo de apoiar ás persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) e ás súas familias en Galicia.

Todo o recadado durante a gala destinarase á nosa Asociación, unha entidade que traballa cada día para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas, ofrecendo información, asesoramento, acompañamento e apoio emocional, defendendo os seus dereitos, promovendo a concienciación social e impulsando a investigación para avanzar cara a solucións que melloren o seu benestar.

A cultura será unha das grandes protagonistas da tarde. A gala contará coa participación de A.C. Novos Ventos, A.C. Retrouso de Cela, Adolfo FH e Noite Son, ademais dunha actuación final sorpresa, que achegarán música, tradición e emoción a unha tarde pensada para compartir e sumar.

Ademais, durante a gala haberá sorteos con produtos e vales de comercios locais, que tamén apoian activamente esta causa solidaria para contribuír á visibilización e apoio á ELA. Entre os premios:

  • 1 vale regalo da Xoiería Artegalia
  • 1 vale regalo da Peluquería VB
  • 1 caixa de Conservas Lago Paganini
  • 1 comida ou cea para 2 persoas na Marisquería Estrella
  • 1 agasallo de Xoiería Padín

As rifas poderán adquirirse durante a gala a 1€, contribuíndo directamente á recadación e gañando posibilidades de levar algún destes premios.

As entradas teñen un donativo de 5€ e poderán adquirirse en:

  • Taquilla do Centro Social do Mar, ao longo do sábado 24 desde a mañá ata a hora do evento.
  • Xoves 22, no posto que poñeremos no Mercado de Bueu.

Se non podes asistir á Gala ou simplemente queres colaborar achegando o teu gran de area, podes facelo a través desta Fila 0. A túa contribución, sexa cal sexa o importe, axúdanos a seguir apoiando e acompañando ás persoas con ELA e ás súas familias para mellorar a súa calidade de vida. 

Esta iniciativa non sería posible sen a colaboración desinteresada de moitas persoas e entidades que decidiron implicarse con xenerosidade nesta causa. Queremos destacar, especialmente, o apoio do Concello de Bueu, que colabora coa cesión do Centro Social do Mar, así como co material necesario para o correcto desenvolvemento da gala, incluíndo a megafonía, a impresión de carteis e a difusiónd o evento. 

Tamén agradecemos o apoio da Deputación de Pontevedra, a través do seu Programa Culturea, unha iniciativa que ten como obxectivo impulsar e fomentar a cultura popular galega en todas as súas expresións artísticas, facilitando a organización de actuacións culturais abertas ao público e apoiando a presenza de grupos e artistas locais nos concellos da provincia.

Así mesmo, cómpre tamén salientar a achega de Luís Davila, autor do logo das nosas camisetas, deseñado de maneira altruísta e que está a ter unha acollida extraordinaria, converténdose nun símbolo de apoio e solidariedade coa causa.Agardamos poder contar coa súa presenza na gala, xa que sería unha gran satisfacción para a organización poder agradecérlle persoalmente o seu apoio e xenerosidade nun acto tan especial.

A Gala Benéfica Bueu pola ELA é moito máis ca un evento cultural: é unha chamada á participación, ao compromiso colectivo e á empatía. Porque xuntas e xuntos podemos facer visible unha realidade que precisa apoio, recursos e esperanza.

Data: 24 de xaneiro de 2026
Hora: 18:30 h
Lugar: Centro Social do Mar de Bueu

¡Grazas por sumar e por formar parte desta causa!

Bueu pola ELA. Contamos contigo.

Colaboradores