XIII Travesía Solidaria a nado pola ELA "Memorial Fran Otero"

Artigos Eventos Asociación

Este domingo 4 de xaneiro, a cidade da Coruña volverá tinguirse de solidariedade coa celebración da XIII Travesía Solidaria a Nado pola ELA "Memorial Fran Otero", unha cita xa imprescindible no noso calendario e unha das accións máis emotivas de apoio ás persoas afectadas pola Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).

Un ano máis, grazas á organización do Clube Hércules Termaria, Travesía Costa e AGAELA, a zona de baño de O Parrote converterase, a partir das 11:00 horas, nun espazo no que o deporte e o compromiso social avanzan xuntos. Cada persoa nadadora que se bota á auga faino con moito máis ca forza física: faino cunha mensaxe clara de apoio, visibilidade e esperanza.

Nesta edición celebraranse dúas probas, pensadas para que persoas con diferentes niveis poidan sumar as súas brazadas solidarias:

  • 400 metros, con saída ás 12:00 h
  • 1.000 metros, con saída ás 12:30

Cada brazada conta. Cada metro percorrido é unha forma de lembrar que a ELA existe, que precisa máis recursos, máis investigación e máis apoio ás persoas afectadas e ás súas familias. Para AGAELA, esta travesía é moito máis ca un evento deportivo: é unha oportunidade para sensibilizar á sociedade e para construír, xuntas e xuntos, unha rede de solidariedade.

Ao rematar as probas, as persoas participantes poderán compartir un momento de encontro e convivencia cun avituallamento de chocolate quente, así como asistir á entrega de trofeos e a un sorteo solidario de regalod, entre os que se inclúen unha estancia para dúas persoas con almorzo en O Remanso de Trasfontao, un taller de ioga e brunch en Atmos Hotel Boutique, vales de Sanbrandan, unha tarxeta regalo de El Corte Inglés ou entradas dobres para Termaria Casa da Auga, entre outros agasallos.

Esta XIII Travesía Solidaria a Nado pola ELA é posible grazas á colaboración e implicación de numerosas entidades e institucións, así como a todas as persoas voluntarias que fan que todo funcione. A todas elas, o noso agradecemento máis sincero.

Dende AGAELA animámosvos a achegarvos este domingo a O Parrote, a apoiar ás persoas nadadoras e a formar parte dunha xornada na que o mar se converte nun símbolo de loita, unión e esperanza.

Porque cada brazada solidaria achéganos un pouco máis a un futuro mellor para as persoas con ELA. Porque nadar pola ELA é nadar pola vida.

Colaboradores