Placa conmemorativa de Provincia + inclusiva 2025

Artigos Asociación

Esta mañá, no Centro Social de Cangas —espazo cedido polo Concello de Cangas á nosa asociación— tivemos a honra de recibir a placa correspondente á subvención concedida dentro do programa “Provincia + Inclusiva 2025” da Deputación de Pontevedra.

O acto contou coa presenza da deputada de Benestar Social da Deputación de Pontevedra, Paula Bouzós, e da concelleira do Concello de Cangas, Arancha Tomé, que quixeron acompañarnos neste recoñecemento ao traballo realizado no ámbito da accesibilidade e da inclusión social.

No pasado ano, a Deputación de Pontevedra concedeu a AGAELA unha subvención dirixida a entidades sen ánimo de lucro para a promoción da accesibilidade universal, cun importe de 5.833,24 €, dentro deste programa provincial.

Grazas a este apoio, foi posible adquirir diferentes axudas técnicas vinculadas á mobilidade e ao coidado persoal, reforzando e ampliando o noso Banco de Produtos de Apoio.

Este servizo gratuíto continúa a consolidarse como unha ferramenta fundamental no día a día das persoas con ELA e das súas familias en Galicia, facilitando recursos esenciais que melloran de forma directa a súa calidade de vida e autonomía.

Cada novo recurso incorporado supón unha oportunidade máis para acompañar, coidar e estar preto de quen convive coa ELA, reducindo barreiras e facendo realidade unha sociedade máis accesible.

Dende AGAELA queremos agradecer á Deputación de Pontevedra o seu compromiso firme coa inclusión, así como o apoio constante ás entidades que traballamos directamente coas persoas con ELA e as súas familias.
 
 
 
 
 

Colaboradores