O Goberno aprobou o Real Decreto-lei 11/2025, do 21 de outubro, unha norma clave que reforza o Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) e dá cumprimento a algunha das medidas recollidas na Lei ELA (3/2024), destinada a mellorar a calidade de vida das persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica e outras enfermidades de curso irreversible e alta complexidade.
Por que era necesario este cambio?
A Lei ELA puxo de manifesto unha realidade: moitas persoas con ELA ou enfermidades semellantes afrontan un rápido deterioro físico, sen ter tempo para completar longos trámites administrativos nin acceso a recursos adaptados. A súa dependencia total e a necesidade de coidados 24h fan imprescindible unha resposta pública inmediata e coordinada.
Ata agora, o SAAD, creado en 2006, recoñecía tres graos de dependencia (I, II e III) pero non diferenciaba entre unha persoa con dependencia severa e outra con situación extrema derivada dunha enfermidade irreversible como a ELA.
O novo decreto-lei da esa resposta, reforzando o SAAD e creando un novo grao de dependencia adaptado a estas situacións extremas.
Principais medidas do Real Decreto-Lei
Creación do Grao III+ de dependencia extrema
O cambio máis importante é a creación dun novo grao de dependencia: o Grao III+, pensado para persoas con ELA en fase avanzada e outras enfermidades de alta complexidade e curso irreversible, que provocan unha dependencia total e necesitan coidados continuos, asistencia respiratoria e apoio na alimentación ou mobilidade.
Este novo grao supón:
- Atención profesional 24h no domicilio, con supervisión especializada para previr riscos vitais.
- Prestación económica mínima garantida de 9. 859€/mes por persoa que estará financiada en un 50% polo Goberno de España e nun 50% polo Goberno da Comunidade Autónoma na que resida o paciente.
- Posibilidade de elixir entre dúas modalidades de apoio:
- Prestación vinculada ao servizo de axuda no fogar.
- Prestación económica de asistencia persoal, para a contratación de ata 5 profesionais que presten atención 24h ao día os 365 días do ano.
Con isto, o sistema recoñece por primeira vez a necesidade de coidados intensivos e continuos para quen se atopa nunha situación extrema de dependencia.
Reforzo orzamentario de 500 millóns de euros
A atención ás persoas en situación de dependencia extrema require máis profesionais, recursos e coordinación entre administracións.
Por iso, o decreto incorpora un incremento extraordinario de financiamento público en 2025, distribuído así:
- 379 millóns € para o nivel mínimo garantido de dependencia: transferencia ao IMSERSO para garantir o financiamento directo das prestacións.
- 121 millóns € para o nivel conveniado coas comunidades autónomas: financiado a través dos acordos coas comunidades autónomas.
Estes fondos súmanse ao orzamento existente e permitirán consolidar a rede pública de atención, reducir listas de espera e garantir a continuidade dos coidados nas fases máis avanzadas das enfermidades.
A urxencia da medida
O Goberno recorreu á fórmula do decreto-lei (art. 86 da Constitución Española) pola extraordinaria e urxente necesidade de actuar ante situacións de vulnerabilidade extrema.
A demora na implantación destas medidas podería traer consecuencias graves:
- A ELA e enfermidades semellantes progresan moi rápido e a falta de atención pode ter consecuencias irreversibles.
- Moitas familias asumen soas os coidados, con impacto físico, emocional e económico.
- Non actuar implicaría un retroceso nos dereitos sociais e de igualdade, así como un incumprimento de compromisos internacionais en materia de discapacidade e deritos humanos.
En definitiva, o tempo é un factor determinante e dende as Asociacións de pacientes seguiremos atentos á súa implementación xa que só coa su aplicación plena garantimos unha resposta xusta e efectiva ás persoas e familias afectadas.
A súa implementación suporá:
- Máis apoio profesional e menos carga para as familias.
- Mellor coordinación entre os servizos sociais e sanitarios.
- Redución das desigualdades territoriais e sociais.
- Unha aposta pola dignidade, a humanidad e a xustiza social.
"Esperamos que as medidas anunciadas se traduzan en accións reais e que se executen o antes posible" Vanesa García, directora de Agaela.




























