Mesa informativa sobre a ELA en ruta por Galicia

Artigos Eventos Asociación

Con motivo do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), que se conmemora cada 21 de xuño, dende AGAELA poñemos en marcha unha campaña de mesas informativas itinerantes por diferentes puntos de Galicia co obxectivo de achegar a realidade da enfermidade á sociedade e dar a coñecer os servizos que ofrecemos ás persoas afectadas e ás súas familias.

Ao longo do mes de xuño estaremos presentes en concellos, hospitais e outros espazos de gran afluencia de persoas para crear puntos de encontro, información e sensibilización arredor da ELA.

Baixo o lema "A ELA existe, coñécela?", queremos que estas mesas sexan espazos dinámicos, participativos e accesibles, nos que a cidadanía poida achegarse, resolver dúbidas, coñecer mellor a enfermidade e descubrir diferentes formas de colaborar coa nosa entidade.

Unha campaña para informar, sensibilizar e conectar

A ELA segue sendo unha enfermidade pouco coñecida para boa parte da sociedade. Por iso, esta iniciativa nace coa vontade de facer visible a realidade das persoas afectadas e das súas familias, así como de reivindicar a importancia do acompañamento, dos recursos sociosanitarios e da investigación.

Nas mesas informativas as persoas asistentes poderán acceder a material divulgativo sobre a enfermidade, coñecer o traballo que realiza AGAELA en toda Galicia e participar en diferentes actividades pensadas para fomentar a sensibilización dun xeito próximo e participativo.

Ademais, informarase sobre as distintas formas de colaborar coa entidade, xa sexa a través do voluntariado, facéndose socio/a, participando en actividades solidarias ou contribuíndo á difusión da nosa causa.

Calendario de mesas informativas

  • Luns 8 de xuño
    Hospital Provincial de Pontevedra
  • Mércores 10 de xuño
    Praza do Toural (Santiago de Compostela)
    Hospital Universitario de Ourense
  • Xoves 11 de xuño
    Rúa do Curro (Noia)
  • Venres 12 de xuño
    Praza Europa (Culleredo): presentarase oficialmente a actividade que AGAELA organizará o vindeiro 21 de xuño, coincidindo co Día Mundial da ELA, na explanada de O Burgo.
  • Venres 19 de xuño
    Hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo)
  • Sábado 20 de xuño
    Feira de Taboada
  • Domingo 21 de xuño – Día Mundial da ELA
    Explanada de O Burgo (Culleredo)
  • Venres 26 de xuño
    Hospital Arquitecto Marcide (Ferrol)
  • Domingo 28 de xuño
    Feira de Melide
  • Venres 10 de xullo
    Cangas do Morrazo: coincidindo coa presentación da exposición "Pintura pola ELA", da nosa socia María Moldes Menduiña.
  • Domingo 12 de xullo
    Cangas do Morrazo: con motivo da celebración do evento solidario "Cangas móvese pola ELA".

Porque a ELA existe, coñécela?

Con esta iniciativa queremos achegar a ELA á sociedade, resolver dúbidas, derrubar prexuízos e construír unha rede cada vez máis ampla de apoio e compromiso coas persoas afectadas.

Animámosvos a achegarvos ás nosas mesas informativas, participar nas actividades propostas e coñecer de primeira man a realidade da ELA en Galicia.

 

Colaboradores