Con motivo do Día Mundial da ELA, celebrado o pasado 21 de xuño, Galicia volveu demostrar o seu compromiso coa visibilización da Esclerose Lateral Amiotrófica sumándose á campaña #LuzPolaELA.
Este ano, máis de 90 concellos, entidades, institucións e empresas de toda Galicia alumeáronse de verde para lanzar unha mensaxe de apoio e solidariedade ás persoas que conviven coa ELA e ás súas familias. Monumentos, edificios emblemáticos e espazos públicos convertéronse en símbolos de esperanza, conciencia social e compromiso cunha realidade que non pode permanecer invisible.
Cada luz verde representou un xesto de solidariedade, conciencia e compromiso cunha enfermidade que continúa precisando dunha maior visibilidade social. Grazas á implicación de todas as entidades participantes, miles de persoas puideron achegarse á realidade da ELA.
Dende AGAELA queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todos os concellos, empresas, institucións e entidades que se sumaron á campaña. Cada iluminación, cada fotografía compartida e cada publicación nas redes sociais contribuíu a amplificar a mensaxe de #LuzPolaELA e a facer que a voz das persoas afectadas chegase máis lonxe.



A campaña, impulsada xunto coa Confederación Nacional de Entidades de ELA (ConELA) e o resto de asociacións que a integran, converteuse un ano máis nunha gran mostra de unidade e apoio arredor dunha causa común: facer visible a ELA e reivindicar os recursos e dereitos que precisan as persoas afectadas para vivir con dignidade.
A todas as entidades participantes, grazas por camiñar ao noso lado. Grazas por poñer luz sobre unha realidade que non pode permanecer invisible. Grazas por demostrar que Galicia é unha terra solidaria e comprometida.
Porque cada luz verde foi unha voz máis pola ELA.
Grazas por alumear a esperanza.




























