Este venres, 12 de xuño, presentamos oficialmente o cartel da xornada popular solidaria que AGAELA celebrará o vindeiro 21 de xuño na explanada de O Burgo (Culleredo) con motivo do Día Mundial da ELA.

O acto serviu para dar a coñecer unha iniciativa que busca sensibilizar á sociedade sobre a realidade da Esclerose Lateral Amiotrófica, dar visibilidade ás persoas afectadas e ás súas familias, e recadar fondos para continuar desenvolvendo os servizos e programas de apoio que presta a nosa entidade en toda Galicia.
A xornada, aberta a toda a cidadanía, contará cun amplo programa de actividades para todos os públicos. A partir das 12:00 horas dará comezo unha sesión vermú amenizada por Mon Services Eventos, que tamén ofrecerá actividades de animación infantil ao longo do día. Ás 13:00 horas celebrarase a Comida Popular Solidaria, elaborada pola Pulpeira de Camariñas, seguida da actuación do grupo Gremlins ás 14:00 horas.
Ás 15:00 horas terá lugar un sorteo solidario con numerosos premios doados por empresas e establecementos colaboradores, e a partir das 16:00 horas a música continuará coa actuación do grupo Aires de Sigrás.
Durante toda a xornada haberá servizo de barra, animación e un ambiente pensado para compartir, coñecer máis de preto a realidade da ELA e sumar esforzos arredor dunha causa que nos implica a todos.
Desde AGAELA queremos agradecer a colaboración do Concello de Culleredo, da Agrupación Folclórica Ancoradoira, das empresas colaboradoras, das persoas voluntarias e de todas as entidades e particulares que están a facer posible esta iniciativa.
Convidamos a toda a cidadanía a acompañarnos neste día tan especial. Porque cada presenza conta, cada xesto suma e cada mostra de apoio axúdanos a seguir avanzando xunto ás persoas afectadas pola ELA e ás súas familias.
Agardámosvos o próximo 21 de xuño en O Burgo para encher Culleredo de solidariedade e visibilidade pola ELA.




























