Festa gastronómica solidaria pola ELA

Artigos Eventos Asociación

O pasado sábado tivemos a oportunidade de participar na Festa do Chopo Saleiro, unha fermosa xornada gastronómica celebrada en Ribeira que reuniu sabor, música e solidariedade nun ambiente inmellorable.

A iniciativa, organizada por seis hostaleiros comprometidos coa nosa causa, converteuse nun verdadeiro éxito de participación, demostrando unha vez máis a forza da colaboración e do apoio social ás persoas que conviven coa ELA e ás súas familias.

Durante toda a xornada, as persoas asistentes puideron desfrutar dunha auténtica exaltación gastronómica do chopo da ría, compartindo mesa, encontros e momentos especiais arredor da gastronomía local e da solidariedade.

Parte da recadación obtida durante o evento será destinada á nosa asociación, axudándonos a continuar coa nosa labor diaria de apoio, asesoramento e acompañamento ás persoas afectadas pola ELA en Galicia.

Ademais, a festa contou coa actuación musical de Chiña, que puxo o broche perfecto a unha tarde chea de emoción, convivencia e compromiso social.

Desde AGAELA queremos expresar o noso máis sincero agradecemento á organización, ás persoas asistentes, ás entidades colaboradoras e a todas aquelas persoas que puxeron o seu gran de area para facer posible unha iniciativa tan especial.

Cada evento solidario é moito máis ca unha recadación: é unha mostra de apoio, visibilidade e esperanza para todas as persoas que conviven coa ELA.

Grazas por camiñar ao noso carón. Xuntas e xuntos seguimos sumando.

Colaboradores