En Agaela sabemos que vivir con ELA non só supón enfrontarse a unha enfermidade, senón tamén a múltiples desafíos físicos, emocionais e sociais que afectan tanto ás persoas diagnosticadas como ás súas familias e coidadores.
Conscientes desta realidade, no mes de xuño asinamos un convenio coa Consellería de Política Social e Igualdade, da man da conselleira Fabiola García, que dota a nosa asociación de 100.000 euros para facer posible o proxecto VivELA Digna.
Un convenio para mellorar a calidade de vida
Grazas a este apoio económico, en Agaela puxemos en marcha un servizo pioneiro en Galicia que leva atención especializada directamente aos fogares das persoas con ELA.
O obxectivo é claro: garantir dignidade, acompañamento e recursos ás persoas afectadas e ás súas familias, ofrecendo atención profesional adaptada ás necesidades de cada caso.
O equipo humano detrás de VivELAdigna
Un proxecto así só é posible grazas ás persoas que o fan realidade. Presentámosvos ao equipo multidisciplinar que visita periódicamente os fogares para prestar apoio, asesoramento e formación:

Cada unha delas achega o seu coñecemento e experiencia para ofrecer un acompañamento integral: apoio emocional, técnicas de mobilización, hixiene postural, información sobre recursos sociais e sanitarios, e orientación ás familias e coidadores.
Un acompañamento integral e próximo
As persoas con ELA e as súas familias necesitan algo máis que asistencia puntual. Necesitan sentir que non están soas, que contan cunha rede de apoio constante, profesional e humano.
Con VivELAdigna queremos garantir que en cada fogar de Galicia chegue esa man tendida que ofrece esperanza, formación e comprensión, adaptándose á realidade de cada persoa.
O noso compromiso
En Agaela seguiremos traballando para que proxectos coma este sexan unha realidade sostible no tempo. Porque a dignidade non debería ser un luxo, senón un dereito.
VivELAdigna é, sobre todo, unha aposta polas persoas.




























