A explanada de O Burgo converteuse este 21 de xuño nun gran punto de encontro para a solidariedade, a sensibilización e o apoio ás persoas afectadas pola Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA).

Con motivo do Día Mundial da ELA, celebramos unha xornada popular solidaria que reuniu a centos de persoas arredor dunha causa común: facer visible a realidade da ELA e mostrar o apoio da sociedade ás persoas afectadas e ás súas familias.
Ao longo de toda a xornada sucedéronse actividades para todos os públicos. A música, a animación infantil, a gastronomía, o sorteo solidario e os momentos de encontro e convivencia fixeron posible un día inesquecible no que a cidadanía respondeu dunha maneira exemplar.
Contamos tamén coa presenza de numerosas autoridades e representantes institucionais que quixeron acompañar ás persoas afectadas pola ELA e ás súas familias nunha data tan significativa. Entre elas estiveron José Ramón Rioboo Castro, alcalde do Concello de Culleredo; Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia; Mar García Vidal, deputada de Política Social da Deputación da Coruña; e Marta Figueroa Fuentes, concelleira de Cohesión Social do Concello de Culleredo.

Desde AGAELA queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todas as persoas que participaron, colaboraron e contribuíron a facer realidade esta iniciativa. Grazas ás persoas voluntarias, ás empresas colaboradoras, aos establecementos que doaron premios para o sorteo, aos artistas e grupos que actuaron de maneira altruísta, Grupo Gremlins, Aires de Sigrás e a Mon Services Eventos pola súa implicación, á Pulpeira de Camariñas, á Agrupación Folclórica Ancoradoira, ao Concello de Culleredo e a todas aquelas persoas que, dun xeito ou doutro, sumaron esforzos para que esta xornada fose posible.
Queremos destacar de maneira moi especial a presenza das nosas persoas socias con ELA, Adolfo, Josefa, Manuel, Ana, Ramona e Marisé, así como das súas familias, que nos acompañaron durante esta xornada tan significativa. A súa asistencia converteu este encontro nun momento especialmente emotivo para toda a familia de AGAELA, recordándonos o verdadeiro sentido do noso traballo diario.
Máis aló da programación, da música ou das actividades desenvolvidas, esta xornada converteuse nun espazo de encontro, apoio e acompañamento. Un lugar onde persoas afectadas, familias, amizades, profesionais, entidades e cidadanía compartiron tempo, experiencias e solidariedade arredor dunha causa común.
Porque detrás de cada persoa con ELA hai unha historia de vida, unha familia e un camiño que non debería percorrerse en soidade. Ver tantas persoas unidas, colaborando e participando, é a mellor demostración de que a solidariedade segue sendo unha das nosas maiores fortalezas.
Grazas por estar, por acompañar e por facer que a ELA fose un pouco máis visible. Xuntas e xuntos seguimos avanzando cara un futuro mellor para todas as persoas que conviven cada día con esta enfermidade.





























