Bueu recauda 3.325 euros para as persoas con ELA

Artigos Eventos Asociación

A Gala Benéfica Bueu pola ELA, celebrada o pasado 24 de xaneiro de 2026 no Centro Social do Mar de Bueu, converteuse nunha xornada inesquecible de solidariedade, cultura e compromiso social. Grazas á participación da veciñanza, entidades, artistas e comercios locais, o evento conseguiu recaudar un total de 3.325€, que serán destinados integramente ó servizo de Copago de Rehabilitación e Psicoloxía. 

A gala contou cun completo programa cultural no que participaron de maneira altruísta NoiteSon, a Asociación Cultural Novos Ventos, Adolfo FH, a Asociación Cultural Retrouso de Cela e, como peche sorpresa, a comparsa Vou nun Bou, que puxo o broche final cunha actuación chea de enerxía e emoción.

O acto contou tamén coa presenza de representantes institucionais do Concello de Bueu, Concello de Cangas, Concello de Moaña e da Deputación de Pontevedra, amosando o seu apoio a unha causa que require visibilidade, recursos e implicación social. Cómpre destacar a colaboración do Concello de Bueu, que facilitou a cesión do Centro Social do Mar e os medios técnicos necesarios, así como o apoio da Deputación a través do Programa Culturea, destinado a promover e achegar a cultura á cidadanía nos concellos da provincia.

Durante a gala celebráronse varios sorteos solidarios, grazas á colaboración dos comercios locais, que tamén quixeron apoiar activamente a causa: Xoiería Padín, Conservas Lago Paganini, Xoiería Artegalia, Restaurante Marisquería Estrella, Ferraxería Centra e Peluquería VB.

Un dos momentos máis emotivos da noite foi o agradecemento a Luís Davila, autor do logo das camisetas da Asociación, deseñado de maneira totalmente desinteresada e que se converteu nun símbolo de apoio e visibilización da ELA. Así mesmo, queremos recoñecer a labor de Raquel Atanes, presentadora da gala, que conduciu o acto con gran profesionalidade e sensibilidade, ofrecendo o seu traballo de forma totalmente altruísta.

Desde AGAELA queremos trasladar un agradecemento profundo a todas as persoas que asistiron, colaboraron, participaron e fixeron posible este evento, demostrando que a solidariedade da comunidade é unha ferramenta fundamental para seguir avanzando na mellora da calidade de vida das persoas con ELA e das súas familias.

Bueu volveu demostrar que, cando a comunidade se une, a solidariedade fai posible grandes cousas.

Colaboradores