Brazadas solidarias no Parrote

Artigos Eventos Asociación

O pasado domingo, as augas da Coruña converteronse nun espazo de encontro, compromiso e emoción. A XIII Travesía Solidaria a nado pola ELA "Memorial Fran Otero" reuniu a 190 persoas que decidiron poñer o corpo e o corazón ao servizo dunha causa que nos une: apoiar ás persoas que conviven coa ELA e ás súas familias.

Cada brazada foi moito máis ca un xesto deportivo. Foi unha mensaxe de apoio, unha mostra de solidariedade e unha maneira de dicir que ninguén está só nesta loita. Grazas á participación e ao compromiso de todas elas, foi posible recadar un total de 3.774,38€, que se transformarán en recursos, acompañamento e esperanza.

Esta xornada tan especial non sería posible sen o apoio imprescindible das entidades colaboradoras (Gadis, Idilia Foods, Pastelería Mari, Sanbrandan, Atmos Hotel Boutique, Termaria Casa del Agua, El Corte Inglés, O Remanso de Trasfontao, Fundación Naru, Escola de Negocios EBF, Asociación de Búsqueda e Salvamento de Galicia, Cruz Vermella Coruña, Concello da Coruña, Autoridade Portuaria de A Coruña, Marina Coruña e Metropólitan La Solana) das persoas voluntarias, do Club Hércules e de Travesía Costa, que puxeron tempo, esforzo e ilusión para que todo saíse adiante. A todas e todos vós, grazas por camiñar ao noso lado.

Queremos tamén destacar o acompañamento das autoridades que quixeron estar presentes nesta cita solidaria: Don Antón Acevedo, Director Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria; Don Julio Abalde, Subdelegado do Goberno; e Mar Ferreiro Broz, Directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na Coruña. A súa presenza reforza a importancia de seguir avanzando xuntas e xuntos nesta loita.

Unha mención moi especial merece a presenza de Josefa e Adolfo, xunto ás súas familias. Acompañármonos mutuamente dálle sentido a cada iniciativa que levamos a cabo. A vosa presenza foi, sen dúbida, o máis importante da xornada.

A XIII Travesía Solidaria tamén foi un acto de memoria e agradecemento. Este evento segue a ser un memorial a Fran Otero, compañeiro inesquecible, falecido de ELA e un dos primeiros membros da nosa asociación. O seu compromiso, a súa forza e a súa maneira de entender a solidariedade seguen presentes. O recordo de Fran continuará vivo en todos os nosos pasos, en cada brazada e en cada acción que emprendamos pola ELA.

Seguiremos avanzando xuntas e xuntos, mantendo viva a memoria, fortalecendo a solidariedade e loitando por unha vida máis digna para as persoas afectadas pola ELA. Porque mentres haxa apoio, comunidade e compromiso, sempre haberá esperanza.

 

Grazas por facelo posible, por camiñar ao noso carón.

Colaboradores