A Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) tivo a honra de recibir unha emotiva homenaxe por parte da Asociación Cunchas e Flores de Bueu, que este ano dedicou unha das súas tradicionais alfombras florais do Corpus ás persoas afectadas pola ELA e ás súas familias.
A alfombra, finalizada hoxe tras horas de traballo e dedicación por parte das persoas voluntarias participantes, converteuse nun símbolo de solidariedade, compromiso e visibilidade para unha enfermidade que afecta a centos de persoas en Galicia e miles en toda España.

Esta iniciativa ten ademais un significado moi especial para AGAELA, xa que na súa elaboración participou activamente María Moldes Menduiña, socia da entidade e veciña de Bueu afectada pola ELA. A súa implicación neste proxecto representa a forza, a capacidade de superación e o espírito de loita que caracteriza a tantas persoas que conviven coa enfermidade.

Desde AGAELA queremos expresar o noso máis sincero agradecemento á Asociación Cunchas e Flores de Bueu por escoller a nosa entidade para esta homenaxe tan significativa, así como a todas as persoas que colaboraron na elaboración da alfombra e que, a través do seu traballo, contribuíron a dar visibilidade á realidade da ELA.
As alfombras florais do Corpus son unha das expresións culturais e artísticas máis emblemáticas da nosa terra e accións como esta axúdannos a seguir difundindo a realidade da ELA, a reivindicar máis apoio para as persoas afectadas e a lembrar que detrás de cada diagnóstico hai persoas, familias e historias que merecen ser escoitadas.
Grazas, Bueu, por facer florecer a solidaridade.




























