AGAELA galardoada co Premio Social do Concello de Nigrán

Artigos Eventos Asociación

O pasado sábado desprazámonos ata Nigrán para vivir unha xornada moi especial chea de emoción, solidariedade e agradecemento.

Alí tivemos a honra de asistir á Gala de entrega de premios organizada polo Concello de Nigrán, na que fomos galardoados co Premio Social do Concello de Nigrán, un recoñecemento que nos enche de orgullo e que nos impulsa a seguir traballando cada día polas persoas con ELA, as súas familias e persoas coidadoras.

Este premio non é só para AGAELA, senón para todas as persoas que forman parte desta loita diaria. É un recoñecemento compartido que pertence a quen coida, a quen acompaña e a quen nunca deixa de loitar por unha vida máis digna e máis humana para as persoas con ELA.

Este momento tan especial quixemos dedicárllelo, ademais, á memoria da nosa querida vicepresidenta, Susi Seoane, cuxa forza, compromiso e humanidade continúan guiando cada paso que damos.

Durante a xornada tamén tivemos a oportunidade de visitar a exposición de Nancys solidarias, unha iniciativa marabillosa que conseguiu recadar 450€ en doazóns a favor da nosa asociación. Un exemplo máis de como a creatividade e a solidariedade poden transformar realidades.

Queremos agradecer de corazón a Marga por pensar en nós e impulsar esta fermosa iniciativa, así como a todas as persoas que participaron e fixeron posible este xesto tan valioso.

Días coma este recórdanos que a solidariedade ten moitas formas, pero sempre o mesmo corazón.

Grazas por acompañarnos, por apoiarnos e por seguir sumando con nós.

Colaboradores